Portada ›› Remo ›› ARES, CHAPELA-WOFCO E MUROS-ESTEIRANA MANTEÑEN AS SÚAS HEXEMONÍAS EN VILAXOÁN E MUGARDOS

ARES, CHAPELA-WOFCO E MUROS-ESTEIRANA MANTEÑEN AS SÚAS HEXEMONÍAS EN VILAXOÁN E MUGARDOS

ARES, CHAPELA-WOFCO E MUROS-ESTEIRANA MANTEÑEN AS SÚAS HEXEMONÍAS EN VILAXOÁN E MUGARDOS

As tres traiñeiras que lideran as competicións da Liga Galega de Traiñeiras-Trofeo Xunta de Galicia atravesan un extraordinario semellan intocables a falta dun mes para o remate da temporada. Este sábado Ares sumou a súa sétima vitoria da temporada na regata da Liga celebrada en Vilaxoán, mentres que en Mugardos a invicta Chapela-Wofco prolongou a súa extraordinaria xeira triunfal na Liga Feminina e Muros-Esteira conquistou a súa cuarta bandeira desta campaña na Liga B.

A primeira división masculina desprazouse a Vilaxoán para competir pola XXVIII Bandeira de Vilagarcía. A undécima proba desta tempada disputouse en augas vilaxoanesas cun campo orientado cara a Vilanova, en lugar do tradicional campo cara a Vilagarcía.

Cun mar calmo e moita calor, comezaron a competición os catro últimos equipos clasificados da liga: Narón, Puebla, Cesantes-Rodavigo e Samertolameu-Fandicosta ‘B’. Precisamente a embarcación que partía polo carreiro número un foi a que chegou por diante á primeira referencia con 2 segundos de diferencia con respecto a Samertolameu, 5 por diante de Cesantes e 7 de Puebla. A diferencia de dous segundos na cabeza mantívose na segunda virada, pero neste caso entre Narón e Cesantes, deixando aos de Meira a 7 e aos da Pobra a 15. Unha diferenza que quedou en nada na última virada, cando os de Redondela puxéronse á par dos de Narón, cunha vantaxe xa máis importante con respecto a Samertolameu e a Puebla. A quenda deu un xiro no último longo cando Cesantes conseguiu remontar a Narón e chegar por diante da embarcación do norte. Samertolameu finalmente quedou terceira e Puebla cuarta.

Na segunda manga partiron Mecos, Cabo da Cruz ‘B’, Chapela-Wofco e Rianxo. Como pasou a semana pasada, a embarcación de Chapela, que ten a vista posta en recuperar o seu posto na última quenda, volveu marcar un ritmo que non puideron seguir os seus rivais. Dende o principio e ata o final, a quenda a dominou Chapela, cumprindo co obxectivo marcado polo seu adestrador que declaraba trala bandeira “temos que apertar todo o que podamos na nosa manga para intentar superar aos rivais da última quenda”. Por detrás a batalla estivo entre a filial de Cabo e Rianxo, pero con Mecos seguindo moi próxima. As dúas embarcacións chegaron á par á primeira virada, pero a partir da segunda Rianxo colleu a dianteira, defendendo a posición ata o final e deixando aos de Cabo por detrás. Mecos tamén loitou, pero non puido achegarse ás embarcacións do Barbanza. Iso si, o tempo da Mequiña foi superior ao dos rivais da primeira manga.

Na quenda de honra partiron os favoritos: Ares, Castropol, Bueu-Simei e Tirán-Pereira. O líder da liga volveu a demostrar que nas últimas regatas está un punto máis forte que as súas rivais e púxose na cabeza dende a primeira referencia, aínda que seguida moi de preto polas tres traiñeiras. Ares continuou intentando escaparse dos seus rivais, pero as diferenzas mantíñanse con Castropol e Tirán que aguantaban por detrás. Bueu perdía terreo e os seus tempos melloraban por pouco os de Chapela na quenda anterior. A situación foi similar na última virada e no último longo Ares certificou a súa sétima vitoria da tempada, terceira consecutiva. Segunda foi Castropol nun final apertado con Tirán. Os asturianos, que accederon hai poucas regatas á quenda de honra, están xa loitando por cotas maiores. Pechou a quenda Bueu, cun tempo peor que os da Arealonga o que lles fixo caer á quinta posición. A estratexia saíu perfecta a Ares, como declaraba o seu adestrador ao final da regata “polo rumbo do campo, ao ir polo carreiro un, quixemos facer un primeiro longo forte para poñernos por diante e meter presión aos rivais”. Catro puntos a favor de Ares nesta bandeira con respecto ao seu maior perseguidor Bueu, ampliando xa a 11 puntos a diferenza na clasificación xeral da Liga A.

Liga Feminina

A quinta edición da Bandeira Feminina Reganosa disputouse a seis longos en augas de Mugardos e na sétima xornada da Liga Feminina non houbo lugar á sorpresa. A invicta Chapela-Wofco impuxo o seu ritmo dende o inicio e na primeira virada xa gozaba dunha vantaxe de 3” respecto a Mugardos-A Cabana Ferrol, unha diferenza que a metade da regata situouse nos 10”. Coas líderes destacadas á fronte da quenda raíña, a emoción centrouse na loita pola segunda posición. As locais, que conseguiran 5” de marxe sobre Rianxo na primeira referencia, vían no ecuador da proba como a Virxe da Guadalupe só estaba un segundo por detrás.

O pulso entre os dous equipos que tamén pugnan pola segunda praza na xeral da Liga Feminina rachouse a prol das anfitrioas no quinto longo, con Mugardos-A Cabana Ferrol ceabogando 6” antes que Rianxo e posteriormente superando as súas rivais directas por 10” na liña de meta. Por diante delas, Chapela venceu por 13” e continúa co seu pleno de triunfos. A quenda de honra completouna Cesantes-Cefycal, que dende o segundo longo marcou mellores rexistros que as traiñeiras da primeira serie e obtivo a cuarta posición.

Antes de que remaran as catro primeiras da xeral, a quenda inicial resultou do máis vibrante. Castropol, que na segunda virada ía por detrás das súas rivais, comezou o último longo 1” antes que Salgado-Perillo e 5” por diante de Puebla. As asturianas resistiron no parcial definitivo, mentres que as da Pobra do Caramiñal quedaron a menos de 1” de remontar ante as de Oleiros, que conservaron o segundo posto na serie.

Liga B

Cun formato diferente, en sistema de contra o reloxo, abriuse a tarde de remo en Mugardos coa quinta xornada da Liga B. As seis traiñeiras participantes na VII Bandeira Concello de Mugardos competiron na mesma quenda e os seareiros locais quedaron co mel nos beizos. Mugardos-A Cabana Ferrol perdeu 3” en relación á líder Muros-Esteirana no primeiro longo, pero deulle a volta á situación no segundo parcial, asinando o mellor rexistro con 3” de vantaxe. A partir desa referencia, o conxunto que encabeza a xeral limou 1” en cada longo aos anfitrións, ata que comezaron o último empatadas a tempo. Esa igualdade decantouse na boias de meta a prol dos ‘visitantes’ por menos de 2”. Deste xeito, Muros-Esteirana encadeou o seu cuarto triunfo e amplía a 3 puntos o seu colchón á fronte da Liga B.

Ao mesmo tempo que as dúas primeiras da xeral se xogaban o triunfo, Chapela-Wofco ‘B’, Amegrove e Riveira protagonizaron unha axustada batalla polo terceiro posto. Os redondeláns ían co mesmo tempo que os grovenses e 2” máis lentos que os ribeirenses a metade da regata. A Pabliño perdeu forza no cuarto parcial e no seguinte foi Riveira a que non puido seguir o ritmo marcado pola filial, que acabou batendo por 6” aos do Barbanza. Tras este desenlace, Chapela ‘B’ iguala na terceira praza da xeral con Amegrove, que fixo quinta en Mugardos. A sexta posición correspondeu en todos os parciais a Salgado-Perillo.