Portada ›› Remo ›› Tirán-Pereira triunfa diante da súa afección en Moaña e Muros-Esteira festexa o título en Ribeira

Tirán-Pereira triunfa diante da súa afección en Moaña e Muros-Esteira festexa o título en Ribeira

Tirán-Pereira triunfa diante da súa afección en Moaña e Muros-Esteira festexa o título en Ribeira

Domingo de celebracións por todo o alto nas competicións masculinas da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia. No regreso da Liga A tras a paréntese da anterior fin de semana, Tirán-Pereira conseguiu a vitoria como local na XLI Bandeira Concello de Moaña. Dobre motivo para festexar tivo Muros-Esteirana na I Bandeira Masculina Concello de Ribeira: gañou nas augas do Barbanza e conquistou matematicamente o título a falta dunha xornada.

Case dous meses despois de acadar en Narón o que era o seu único triunfo desta temporada, Tirán-Pereira volveu dominar unha regata. A Mar do Con impúxose exercendo de anfitrioa na décimo terceira xornada da Liga A. Os moañeses decantaron ao seu favor un emocionante duelo entre traiñeiras do Morrazo. Comezaron superando a Bueu-Simei por 1 segundos ao remate do primeiro dos catro longos e no ecuador da proba marcaron o mesmo rexistro. Foi no terceiro parcial cando Tirán-Pereira abriu un oco de 4”que mantivo ata o final.

A outra pugna na quenda de honra mantivérona Castropol e a líder Ares, que viraron ao unísono na primeira ceaboga. Os asturianos tomaron a dianteira no segundo parcial, logrando 4” de marxe, e no terceiro longo a Santa Olalla de Lubre cedeu definitivamente. Ao equipo que encabeza a xeral fíxoselle tan longa a regata que acabou cedendo a cuarta praza en favor de Chapela-Wofco, a quen avantaxaba en 7” na última virada. Deste xeito, os de Ferrolterra viron truncada a súa xeira de catro triunfos consecutivos e tiveron que conformarse coa quinta posición na Ría de Vigo.

Chapela-Wofco superou a Ares na clasificación da xornada e con autoridade as súas tres rivais na serie intermedia. Os remeiros da Arealonga distanciáronse en 7” no primeiro longo de Cabo da Cruz ‘B’ e de Rianxo. Con Mecos sempre no cuarto posto, a Virxe da Guadalupe distanciouse en 6” da filial dos boirenses no seguinte longo e as posicións xa non variaron.

Rianxo clasificouse sexta na Bandeira Concello de Moaña e Cabo da Cruz ‘B’ oitava. Entre as dúas meteuse Cesantes-Rodavigo, gañadora da primeira quenda. Os redondeláns remaron á par de Samertolameu-Fandicosta ‘B’ ata o ecuador da regata. Ambas traiñeiras adiantaron no segundo a parcial a Narón, a máis rápida no primeiro longo por 1”, e no terceiro Cesantes-Rodavigo quedouse en cabeza en solitario. Tanto Narón, segunda na serie, e a filial de Meira estableceron tempos que non mellorou Mecos, penúltima en Moaña. A táboa da xornada pechouna Puebla.

Liga B

Muros-Esteirana xa é campioa da Liga B na temporada 2023. A tripulación adestrada por Beni Fábregas voltou a exhibirse este domingo na I Bandeira masculina Concello de Ribeira, e coa súa sétima vitoria consecutiva certificou matematicamente o título.

En Aguiño, Muros-Esteirana ampliou a 9 puntos a súa vantaxe sobre Mugardos-A Cabana-Ferrol na clasificación xeral, cando só falta unha regata para terminar o calendario. Amegrove completa o podio da xeral, aínda que Chapela-Wofco xa está a catro puntos dos mecos. Porque os da Arealonga protagonizaron a gran sorpresa do día na Liga B. Firmaron o mellor tempo da primeira quenda, despois dun espectacular último longo no que sacaron 7” a Riveira, e acabaron segundos na xeral da Bandeira Concello de Ribeira.

Os anfitrións, ‘empurrados’ polos seus seareiros tamén firmaron unha gran actuación e acabaron terceiros na súa bandeira cun tempo de 22:36. Foron 4” máis rápidos que Amegrove e 17” que Mugardos-A Cabana-Ferrol, que decepcionou na quenda de honra, dominada de principio a fin por unha espectacular Muros-Esteirana. A sexta praza correspondeu a Salgado-Perillo.