Portada ›› Náutica ›› más-náutica ›› A exposición ‘15 anos de patrimonio marítimo’, de Os Patexeiros, poderase ver este mes de abril na Sociedade Recreativa Cultural e Deportiva de Sada

A exposición ‘15 anos de patrimonio marítimo’, de Os Patexeiros, poderase ver este mes de abril na Sociedade Recreativa Cultural e Deportiva de Sada

A exposición ‘15 anos de patrimonio marítimo’, de Os Patexeiros, poderase ver este mes de abril na Sociedade Recreativa Cultural e Deportiva de Sada

A exposición ‘15 anos de patrimonio marítimo’, de Os Patexeiros, poderase ver este mes de abril na Sociedade Recreativa Cultural e Deportiva de Sada
A mostra, composta por pezas de barcos, ferramentas ou maquetas, supón unha das primeiras actividades do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que terá lugar na vila do 3 ao 6 de agosto

3 de abril de 2023.- A exposición ‘15 anos de patrimonio marítimo’, que organiza a
Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, trasládase durante este mes de abril á
sede da Sociedade Recreativa Cultural e Deportiva de Sada, tras a súa boa acollida na
capela de San Roque.

Desde mañá, mércores, as persoas interesadas poderán visitar a
mostra, composta por pezas de embarcacións tradicionais sadenses e ferramentas
para construílas ou arranxalas, así como outros obxectos vinculados co mundo
mariñeiro, recuperadas grazas ao traballo realizado pola entidade promotora nos seus
15 anos de vida.

Estará aberta ao público de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00
horas e de 17.00 a 21.00 horas, no local da sociedade, no número 1 da rúa da Praia de
Sada. A inauguración terá lugar mañá, ás 19.00 horas, na sede da Sociedade.
Froito dese labor de recuperación desenvolvido por Os Patexeiros, quen visite a
exposición poderá coñecer distintos tipos de embarcacións galegas en 3D, e ver de
primeira man cadernos e ferramentas de profesionais da carpintería de ribeira, ademais
de pezas e aparellos de pesca de barcos sadenses, de entre os que destaca A Balbina,
unha lancha patexeira, única do seu tipo en Galicia, dedicada á pesca do patexo, un
cangrexo da zona utilizado para fertilizar a terra.

Esta mostra supón a primeira das actividades do programa do XVI Encontro de
Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará na vila do 3 ao 6 de agosto
organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), a propia
asociación Patexeiros e o Concello de Sada.

No porto da vila reuniranse dornas, navíos ou bucetas chegadas de distintas partes de Galicia e tamén outras embarcacións
doutras comunidades e países que realizarán percorridos pola ría e, en terra,
desenvolverase un variado programa de actividades culturais vencelladas ao mar.

A inscrición para participar neste XVI Encontro xa está aberta e pode realizarse no formulario que se atopa na web: https://culturmar.org/eventos/.