Portada ›› Remo ›› Ares remonta no Grove e afiánzase no liderado

Ares remonta no Grove e afiánzase no liderado

Ares remonta no Grove e afiánzase no liderado

Cunha xornada con mar picado e rachos de vento de 25 quilómetros á hora, a liga galega de traíñas desprazouse ao Grove para disputar a duodécima bandeira Virxe do Carme, cuarta proba puntuable da tempada

As condicións climatolóxicas non afectaron á que a competición se disputase con normalidade. A primeira quenda contou cos catro últimos clasificados da liga que comezaron moi igualados. Puebla, Mecos e Cesantes Rodavigo marcaron o mesmo tempo nas dúas primeiras viradas, Samertolameu Fandicosta aguantaba por detrás. Pero a igualdade rompeuse na última virada, xa que Cesantes Rodavigo colleu a dianteira e mantivo no último longo gañando a quenda. Mecos e Puebla competiron ata ao final con vitoria para os do Barbanza. Pechou Sametolameu Fandicosta bastante lonxe dos seus rivais.

No caso da segunda manga, as traiñeiras dividíronse en dúas batallas dende o primeiro longo. Por diante Cabo e Castropol loitaron pola quenda ata o final, con vitoria para os de Boiro. Por detrás, o enfrontamento estivo entre Narón e Rianxo. Neste caso os de Narón leváronse o terceiro posto. A derrota dos do Barbanza foi dobre, xa que quedaron por detrás de Cesantes Rodavigo por 30 centésimas, a pesar de marcar un tempo 10 segundos mellor na última virada.

Na última quenda, os favorito non defraudaron e competiron nunha loita apertada pola vitoria. Nesta ocasión os protagonistas foron Bueu Simei e Ares. Os da Maruxía comezaron liderando no primeiro longo pero os de Ares puxéronse á par na segunda virada para consumar a remontada no terceiro longo e rematar certificando unha vitoria que de manga e bandeira. Bueu Simei quedou segundo, Chapela Wofco terceiro e Tirán Pereira cuarto. Os de Moaña foron pouco a pouco afastándose dos de Redondela e incluso tiveron que estar pendentes do crono para superar a Cabo. Con estes resultados, Ares afiánzase no liderado con 3 puntos de vantaxe con respecto a Bueu Simei e a 4 de Tirán Pereira e de Chepela Wofco.