Portada ›› Remo ›› Samertolameu racha o empate con Tirán nun vibrante final

Samertolameu racha o empate con Tirán nun vibrante final

Samertolameu racha o empate con Tirán nun vibrante final

O duelo entre os dous equipos de Moaña por liderar en solitario a máxima categoría da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia resolveuse por menos de 1 segundo. Samertolameu-Oversea impúxose a Tirán Pereira no vibrante final da quenda de honra da XXXVIII Bandeira Concello de Moaña. Cabo da Cruz, na competición feminina, e Cesantes, na Liga B masculina, foron os outros triunfadores da xornada.

A cita organizada por Tirán rachou o empate a puntos que o conxunto anfitrión e os seus veciños de Meira asinaban no máis alto da clasificación da Liga A despois de seis xornadas. O derbi moañés resultou emocionante de principio a fin. Tirán superou por 1” a Samertolameu no primeiro longo e esa mesma diferenza mantíñase no ecuador da regata.

O punto de inflexión chegou no terceiro parcial. Os remeiros da Terca tomaron a dianteira e comezaron o último longo 1” antes que Tirán. A esa mínima renda foi quen de aferrarse Samertolameu nun desenlace apaixonante e na casa dos seus rivais de toda a vida venceron por 91 centésimas. Co seu cuarto triunfo da temporada, os de Meira suman 67 puntos na xeral, un máis que a Mar do Con.

O outro pulso na manga de honra tampouco estivo carente de emoción. Vilaxoán remontou os 2” que cedeu no primeiro longo con Bueu-Teccarsa e os vilargarcíans acabaron adxudicándose por 11” a terceira praza, a mesma na que se asentan na clasificación da Liga A.

As catro traiñeiras que encabezan a xeral marcaron os mellores rexistros en Moaña. A quinta posición correspondeulle á filial de Cabo da Cruz, que superou con solvencia a Mecos na quenda intermedia. Esteirana, terceira nesta manga, non puido rebaixar o rexistro marcado por Muros, vencedora da primeira serie. A novena e a décima posicións ocupáronas, respectivamente, Mera e Rianxo.

Liga Feminina: Cabo volve mandar

Tras dúas fins de semana sen competición, a LGT Feminina – Trofeo Xunta de Galicia volveu á auga coa súa cuarta xornada na que causou baixa de última hora Samertolameu-Fandicosta por mor dun positivo na Covid-19 dunha das súas remeiras. A líder Cabo da Cruz volveu saborear a vitoria despois de verse sorprendida na anterior regata por Tirán-Pereira. Nesta ocasión as boirenses non deron opción a ningunha das outras embarcacións e venceron con 28” de vantaxe sobre Salgado-Perillo na II Bandeira Feminina – X Gran Premio Fandicosta.

A anfitrioa Tirán tivo que conformarse con ser terceira por diante de Chapela, cuarta, e de Rianxo, quinta. As moañesas ceden terreo na xeral respecto a Cabo, quedando a catro puntos, e Salgada-Perillo achégaselles a dous puntos na loita pola segunda posición.

Liga B: Cesantes estréase

Puebla perdeu a súa condición de invicta na XXXVIII Regata Concello de Moaña, unha proba que exerceu de quinta xornada da Liga B Masculina. Os da Pobra do Caramiñal non ocuparon en ningún momento a primeira posición da súa quenda. O primeiro parcial dominouno Salgado-Perillo, antes de que Cesantes collera o mando no segundo longo.

Os redondeláns resistiron ante o empuxe de Puebla no terceiro longo, completando a última virada cun segundo de vantaxe, e descolgaron aos líderes na aproximación á liña liña de meta. Gañaron por 10” de diferenza sobre A Carmela, que na xeral goza dun colchón de sete puntos. Cesantes, que estaba igualada con Salgado-Perillo, é agora segunda en solitario.

A segunda quenda reduciuse a un cara a cara entre Chapela e Narón, no que a Arealonga foi a máis rápida, debido á decisión de Castropol de poñer fin anticipadamente a súa temporada. Os asturianos causan baixa por mor das derradeiras recomendacións sanitarias, falta de continuidade nos adestramentos e o feito de non poder organizar a súa regata.

As tres ligas do Trofeo Xunta de Galicia volverán á acción este domingo en Rianxo.