Portada ›› Remo ›› Chapela-Wofco feminina sitúase líder e Samertolameu-Oversea estréase en Rianxo

Chapela-Wofco feminina sitúase líder e Samertolameu-Oversea estréase en Rianxo

Chapela-Wofco feminina sitúase líder e Samertolameu-Oversea estréase en Rianxo

Nova cita dobre do Trofeo Xunta de Galicia-Liga Galega de Traiñeiras nesta ocasión dende Rianxo. Liga Feminina e Liga A desprazáronse ao concello do Barbanza para disputar unha nova xornada

A I Bandeira Feminina Concello de Rianxo comezou con dúas quendas lanzadas. Na primeira, as anfitrioas gañaron con moita claridade, superando a Ribeira e deixando moi lonxe a Puebla. Na segunda, Castropol fíxose coa quenda tras disputala en todo momento con Salgado-Perillo. Ambas marcaron un tempo mellor que o de Puebla, e as asturianas non superaron a Ribeira por tan só 1 segundo.

A quenda de honra daría un cambio por completo á clasificación final deixando un novo líder na xeral. A manga comezou con Cabo da Cruz en cabeza por diante de Chapela-Wofco e con vantaxe con respecto a Mugardos- A Cabana de Ferrol e a Tirán-Pereira. Estas dúas traiñeiras superando por pouco a Rianxo. Pero a situación da regata mudou no segundo longo: Chapela púxose á par de Cabo, colléndolle a dianteira na terceira referencia e gañando finalmente con solvencia. Quenda, bandeira e liderado para Chapela-Wofco. Ambas traiñeiras empatadas a puntos e a bandeiras, pero as de Redondela póñense por diante por gañar a última. Mugardos-A Cabana de Ferrol rematou terceira e Tirán Pereira cuarta, ambas afiánzanse cun punto máis de vantaxe neses postos na xeral.

Liga A

Trala liga feminina, deu comezo a XIX Bandeira Concello de Rianxo, tamén con dúas quendas lanzadas. A primeira gañouna Narón, con Cesantes-Rodavigo moi preto. Terceira foi Mugardos, que superou con claridade a Puebla. Na seguinte manga as posicións variaron máis. Chapela-Wofco liderou de principio a fin, pero nas outras posicións a filial de Cabo da Cruz, Mecos e Rianxo alternáronse os postos, sendo finalmente Cabo a que chegou segunda, Rianxo terceira e Mecos cuarta.

A quenda de honra tamén tivo xiros de guión, xa que comezou mandando a líder Bueu-Teccarsa nas dúas primeiras viradas, poñéndose un segundo por diante Samertolameu-Oversea na terceira e gañando finalmente A Terca a súa primeira bandeira da temporada. Terceira foi Tirán-Pereira, que comezou cun tempo peor que Chapela-Wofco e Rianxo, pero afianzándose finalmente nese posto. Situación similar viviu Mera, que comezou sétima da xornada e acabou no quinto posto, superada por Chapela Wofco.