Portada ›› Remo ›› Puebla ratifica a súa condición de líder en Cesantes

Puebla ratifica a súa condición de líder en Cesantes

Puebla ratifica a súa condición de líder en Cesantes

A segunda xornada da LGT-B confirmou que Puebla está unha chanzo por enriba do resto de traiñeiras no arranque da temporada. A Carmela impúxose este sábado no primeiro día de competición da XXXIV Bandeira Concello de Redondela, que se resolverá este domingo. Cesantes, o equipo anfitrión, conseguiu a segunda praza por un segundo de vantaxe respecto a Salgado- Perillo.

Cunha solvencia parecida a que amosou na apertura da LGT-B, Puebla dominou nas augas da ría de Vigo. Os portadores do maillot amarelo soubéronse adaptar a un campo de regatas no que o vento fíxose notar. Os da Pobra do Caramiñal remaron con forza dende a saída, en dirección á Illa de San Simón, conseguindo no primeiro longo unha diferenza de 6 segundos sobre Salgado-Perillo e Castropol. Esa marxe non deixaría de aumentar, especialmente cos asturianos, que tiveron problemas despois da segunda virada.

O rexistro asinado pola embarcación líder (21:39.81) rebaixou en 18 segundos o logrado por Cesantes, gañadora da primeira quenda. Os locais chegaban a esta xornada pechando a clasificación despois de cometer un grave erro nunha das ceabogas durante a apertura da temporada e estaban mentalizados para resarcirse. Así o fixeron, sen dar opcións dende o inicio a Narón e a Chapela. O crono do organizador desta regata outorgoulle a segunda praza na táboa final por un segundo sobre Salgado-Perillo e con 18 respecto a Castropol. Narón finalizou quinta e Chapela, sexta.

Na xeral, Puebla ratifica a súa condición de líder e sitúase con 12 puntos, sumando 3 máis que Salgado-Perillo e 5 que Castropol, mentres que Cesantes ascende á cuarta praza. A Bandeira Concello de Redondela resolverase este domingo, a partir das 11:00 horas, coa terceira xornada da LGT-B.